🌊 Limpeza na Praia de Palmeira: Pequenos Xestos, Grandes Cambios 🌍
A natureza agasállanos con lugares marabillosos como a praia de Palmeira, pero tamén nos lembra, día tras día, que precisa do noso coidado. A contaminación mariña, especialmente a provocada polos plásticos, é unha ameaza real para os nosos ecosistemas. Por iso, o alumnado de 3º de Primaria puxo mans á obra para protexer e coidar este espazo natural tan especial.
En colaboración coa Concellería de Medio Ambiente do Concello de Ames, organizamos unha xornada de limpeza da praia, na que contamos coa axuda de Xuxo e Sergio, dous grandes aliados nesta tarefa de concienciación. Nun día radiante de sol, a rapazada recolleu uns 40 quilos de lixo en a penas unha hora, enchendo bolsas con plásticos, zapatillas, restos das bateas e todo tipo de residuos que non deberían estar no mar.
As nenas e nenos tomaron conciencia do impacto real do lixo nas praias e na fauna mariña. Algunhas das conclusións ás que chegaron durante a experiencia desta xornada son:
💬 “Non sabía que había tanto lixo na praia”, “Agora vou levar sempre unha bolsa para recoller cousas”, “Temos que coidar máis o que temos”…
Desde o colexio do Agro, seguimos apostando por unha educación sostible, viva e comprometida, na que o contacto coa natureza e o respecto polo medio ambiente sexan unha prioridade.
📹 Preme no vídeo "PEQUENOS XESTOS, GRANDES CAMBIOS" e descubre como a rapazada de 3º de Primaria fixeron da Praia de Palmeira un lugar máis limpo e cheo de futuro.