🌼 Un toque de cor para a primavera: coidando os xardíns do colexio 🌼
A chegada da primavera trouxo consigo un aire fresco de ilusión e traballo en equipo no noso colexio. As nenas e nenos de 1º e 2º de Primaria puxéronse mans á obra para transformar os xardíns do patio nun espazo cheo de vida e de cor.
Durante estes últimos días estivemos traballando na limpeza e preparación do terreo, arrincando as malas herbas e remexendo a terra con moita ilusión na procura de sorprendentes tesouros, as cebolas das dalias plantadas en cursos anteriores. Foi unha oportunidade fantástica para tomar conciencia da importancia de coidar o noso entorno, e tamén para poñer en práctica habilidades manuais e desenvolver o amor pola natureza.
A cativada gozou moitísimo plantando margaridas, begonias, dalias,crasas..., dando ese toque de cor tan especial aos nosos xardíns. E, como a natureza sempre sorprende, atopáronse con pequenos “tesouros” que os deixaron abraiados: miñocas, caracois e mesmo as cebolas das dalias, que desataron a súa curiosidade e emoción.
Tamén comezamos a replantación doutras plantas ornamentais como azaleas, calas e máis begonias nas rodas do patio de Primaria, que encherán de beleza o noso patio e serán coidadas con moito mimo por todo o alumnado.
Esta actividade non só enriqueceu o noso espazo escolar, senón que tamén nos ensinou a ser responsables, pacientes e a valorar o traballo compartido. Porque, como ben sabemos, sementar é crer no futuro… e nós estamos sementando coidado, respecto e beleza.
🌿 Grazas a todas e todos por facer medrar esta primavera tan especial no noso colexio! 🌿
👉 Descubre como os máis pequenos e pequenas de 1º e 2º de Primaria transformaron os xardíns do colexio nun espazo cheo de vida, cor e aprendizaxe. Non perdas este vídeo cheo de momentos especiais, natureza e sorrisos!
🎥 "Sementando cores, recollendo ilusións" 🌼