🌼 Descubrindo os polinizadores! 🐝🦋🐞
Este curso está a piques de rematar… pero en 5º de Primaria non queremos marchar sen antes vivir unha última aventura na natureza! 🌱💚 Por iso, organizamos unha xornada moi especial para descubrir o mundo dos animais polinizadores, eses pequenos grandes heroes que fan posible que moitas das plantas que coñecemos dean froitos, sementes… e vida!
Contamos coa colaboración de Patricia Reboreda, técnica de medio ambiente do Concello de Ames, que fixo posible esta actividade tan chula. E tivemos a sorte de aprender da man de dúas expertas que xa forman parte da nosa tropa científica: Belén e Elsa, que nos contaron cousas sorprendentes sobre os polinizadores 🌼🧐.
🔍 Sabías que non só as abellas polinizan? Pois si! Tamén o fan as bolboretas, os escarabellos, as xoaniñas, e incluso as polillas esfinxe colibrís! Cada insecto ten unha forma diferente de visitar as flores e levar o pole dunha planta a outra. Dependendo de como o fagan, o seu corpo está adaptado dunha maneira especial: observamos coas lupas as súas patas, as bocas… foi coma estar nun laboratorio natural! 🧪🔬
As flores tamén fan o seu traballo: empregan aromas intensos, cores rechamantes, néctar doce e pole pegadiño para atraer aos seus visitantes favoritos. Aprendemos que sen polinizadores moitos cultivos non existirían e que a súa presenza é un indicador da saúde do medio ambiente. Se hai moitos polinizadores, é boa sinal! Pero se desaparecen… algo está a ir mal: pode haber contaminación, uso excesivo de pesticidas ou desertización do solo 😟
🎨🌸 Na actividade tamén fixemos observacións das diferentes morfoloxías das flores e comprobamos como encaixaban co tipo de insecto que as visitaba. É coma un crebacabezas perfecto da natureza!
E que dicir da horta ecolóxica de Elsa e Belén? Un espazo cheo de cores, cheiros e vida, ideal para atraer polinizadores. Encantounos que nos contaran a súa experiencia e xa soñamos con ir alí o vindeiro curso para seguir aprendendo e coidando o medio ambiente.
Foi unha experiencia xenial para despedir o curso con ciencia, natureza e moita ilusión! 🌍💫
👉 Clica na imaxe e desfruta co vídeo desta xornada tan especial coa rapazada de 5º! 📸🎬