xoves, 1 de maio de 2025

CON ILUSIÓN E RESPONSABILIDADE: "MANS Á TERRA"

 

🌱 Mans á terra: a cativada de 5º de Infantil coida o seu xardín

O alumnado de 5º de Infantil viviu estes días unha experiencia chea de aprendizaxes, emocións e traballo en equipo. A través do coidado do seu pequeno xardín, en rodas reutilizadas, aprenderon que ser responsables coa contorna.

Así pois, a cativada de 5º de Infantil embarcouse nunha nova aventura co seu xardín escolar, que leva acompañándoos dende o curso pasado. Durante estes días, realizaron diferentes tarefas de mantemento e preparación: comezaron arrancando as malas herbas que medraran durante o inverno, que logo foron botadas ao composteiro, aprendendo así o valor de aproveitar os restos orgánicos.

Unha vez limpa a zona, prepararon a terra sachándoa con coidado, para despois plantar novas especies: hortensias, calas (tamén coñecidas como “cartuchos”), sementes de xirasois e de "tagetes". Ademais, replantaron algunhas das plantas de amorodos que sobreviviran do ano pasado, demostrando que a natureza nos dá segundas oportunidades cando a coidamos con mimo.

O máis valioso desta actividade foi o traballo en equipo. Cada neno e cada nena tivo o seu papel, aprendendo que para que as cousas saian ben, todas as mans suman. Risas, emocións, preguntas e descubrimentos acompañaron unha xornada que non remata aquí: porque as plantas precisarán seguir sendo coidadas, regadas e limpas de malas herbas nos vindeiros meses. 

Agora agardan con ilusión ver como agroman e medran, conscientes de que o seu compromiso e responsabilidade serán claves neste proceso.

Esta actividade ensinounos que, igual que as sementes precisan atención para florecer, tamén o noso planeta necesita do noso coidado diario

Seguiremos acompañando este marabilloso proceso, porque xuntas e xuntos facemos medrar a natureza… e tamén medramos nós como persoas, aprendendo a ser responsables, respectuosos e agradecidos coa contorna que nos rodea. 💚🌿

🎥✨ “Non perdas o vídeo desta marabillosa xornada de plantación, onde verás ás nosas pequenas e pequenos coidadores do planeta en acción, traballando con ilusión e moito corazón!”🌿😊