Pequenos xestos, grandes cambios: coidando o planeta dende Infantil”
O alumnado de 4º A de Infantil estivo este curso moi implicado nunha misión moi importante: coidar o noso planeta. Ao longo destes meses, realizamos múltiples actividades co obxectivo de que a cativada tome conciencia da importancia de coidar a contorna que nos rodea.
Desde ben pequenos e pequenas, os nenos e nenas aprenden a respectar a natureza, a reducir, reutilizar e reciclar, e a entender que os pequenos xestos cotiáns poden traer grandes cambios para o futuro do planeta.
Entre as actividades realizadas destacan manualidades con materiais de refugallo, onde deron unha segunda vida a obxectos que ían para o lixo; as saídas á contorna para coñecer os elementos naturais que nos rodean e localizar os contedores de reciclaxe; e a plantación de semilleiros e de plantas en rodas recicladas, transformando obxectos de refugallo en pequenos fermosos xardíns.
Con estas propostas, traballamos valores como a responsabilidade, a solidariedade e o respecto polo medio ambiente, facendo que o alumnado sexa parte activa no coidado do planeta.
Estamos moi orgullosos e orgullosas do noso alumnado, que demostrou ser consciente e comprometido. Seguiremos traballando con ilusión para que crezan sabendo que cada acción conta!
“Cada acción conta! O alumnado de Infantil demostra que para cambiar o mundo non hai idade. 🌱✨”
Animamos tamén ás familias a continuar esta aprendizaxe na casa, facendo pequenos xestos como reciclar correctamente, reducir o consumo de plásticos e compartir momentos na natureza cos nenos e nenas. Entre todas e todos, podemos seguir construíndo un mundo máis sostible para o futuro!
Xuntas e xuntos podemos conseguir un mundo mellor! 🌸✨